Monday 06 de May de 2024

O Exercicio do Santo Vía Crucis e o concerto da Banda Municipal co Orfeón “Terra A Nosa”, compón o calendario da Semana Santa este Sábado de Paixón


• O Exercicio do Santo Vía Crucis, no que participa unha representación de todas as confrarías da Semana Santa compostelá, estará presidido polo arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio

• O concerto da Banda Municipal, que conta coa colaboración do Orfeón “Terra A Nosa” terá lugar en San Domingos de Bonaval, e xa ten esgotadas as entradas

Durante a xornada deste Sábado de Paixón continúa a programación da Semana Santa compostelá que onte abría a procesión da Virxe das Dores.

A Xunta de Confrarías, que o presente ano 2022 asumiu a organización do tradicional Vía Crucis; ven de levar a cabo un cambio de data, hora e percorrido. En palabras do presidente da asociación, José Ramón Muñiz “o Vía Crucis é unha preparación para a Semana Santa, por esa razón mudou de data no calendario. Ata agora se viña celebrando o Mércores Santo pero, coa vontade de que participasen todas as confrarías e de cubrir os 10 días que dura a nosa Semana Santa, decidiuse que era mellor celebralo este Sábado de Paixón”.

Así pois, o Exercicio do Santo Vía Crucis, que estará presidido polo arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, dará comezo ás 18 horas e sairá da Catedral pola porta da Inmaculada. O percorrido, polo tanto, tamén cambia e, como non podía ser doutro xeito, este terá lugar ao redor da Catedral para rematar na Porta Santa ás 19.30 horas. Momento no que terá lugar a Misa do Peregrino. Neste exercicio, como ven sendo habitual, participará unha representación das doce confrarías da cidade, á que se suman as asociacións relixiosas segrares.

Xa, na tarde noite, terá lugar a cita cultural da Semana Santa. A Banda Municipal de Santiago, dirixida por David Fiuza, ofrecerá un concerto xunto ao Orfeón “Terra A Nosa”. Este programa de “Sinfonía Sacra” estará composto por obras de Désiré Dondeyne, Maurice Duruflé, Charles Gounod e Hector Berlioz. A cita, que terá lugar ás 20 horas en San Domingos de Bonaval xa ten o aforo completo desde hai unha semana e, toda a información ao respecto está a disposición na páxina de Cultura Santiago.

Percorrido do Exercicio do Santo Vía Crucis
Praza da Inmaculada – Travesía das Dúas Portas – Rúa de San Francisco – Praza do Obraoiro – Rúa de Fonseca – Rúa das Praterías – Rúa de Xelmírez – Rúa da Conga – Praza da Quintana (Porta Santa).